Un reto sobre tradición e tecnoloxía para argalleir@s

Argallar

  1. intr. Manipular algo para divertirse.

A tecnoloxía acompáñanos en case todas as tarefas que facemos a diario. Utilizámola para aprender, socializar ou divertirnos. Pero… e se a usamos para crear e descubrir? Podería servirnos de ferramenta para dixitalizar a nosa historia ou vela dende outro punto de vista? Seriamos capaces de indagar e comunicar de forma atractiva as nosas tradicións? E se conseguimos fusionar a cultura máis ancestral coa tecnoloxía máis vangardista?

Reune un equipo de entre 2 e 5 integrantes e dádelle ao coco para argallar algo innovador. Os mellores proxectos teñen premio!

Anímaste a participar?

Participantes a partir de 12 anos
Gústanos a participación interxeracional: participade con adultos (pais, avós, familiares, profesores, etc.)
Programa de formación tecnolóxica nas aulas CeMIT e no GaiásTech para mozos e mozas de entre 12 e 18 anos

Data límite de presentación: 14/10/2024

Indagade

Investigade, pensade en aspectos da cultura, a historia, a mitoloxía, as lendas da nosa terra. Seguramente hai moitos elementos que vos chamen especialmente a atención.

Tede ideas

Non vos cortedes! Pensade de que xeito podemos mesturar o pasado máis ancestral coas tecnoloxías máis actuáis ou incluso futuristas. Dentro desta proposta caben moitas cousas... Sen medo, sorprendédenos!

Traballade en equipo

Comunicádevos, colaborade e axudádevos entre vos. Seguro que dentro do voso grupo hai distintos perfís, con talentos e gustos diversos. Desfrutade do proceso e pasádeo ben!

Incorporade a tecnoloxía

Non teñen por que ser inventos excesivamente complexos, nin despregues técnicos difíciles de conseguir. Aproveitade o que tendes nas CeMIT, na escola, na casa... Ás veces o máis simple é o mellor.

Comunicade e divulgade

Compartide co mundo as vosas creacións. Que servan para divulgar, para aprender e ensinar. Xerade impacto e influíde presentando a nosa cultura dende outro punto de vista.

Estás na Rede CeMIT?

Bueno, pois entón…, que temos que facer?

Todo dito. Vamos!

Premios e recoñecementos

O xurado designado pola organización avaliará a totalidade dos proxectos e decidirá aos seleccionados como premiados nas seguintes categorías

Xigante Argalleiro

Aquel proxecto que, con carácter global, destaque sobre os demais polo seu enfoque, nivel de execución e creatividade.

Nubeiro Tech

Aquel proxecto que empregue a tecnoloxía como eixo principal dunha forma especialmente interesante ou que sobresaia pola súa complexidade técnica.

Árbore Senlleira

Aquel proxecto que resulte da colaboración interxeracional entre participantes de idades moi diferentes e que pertenzan a diferentes xeracións (por exemplo pais e fillos, avós e netos, irmáns, familiares, profesores e discentes, etc.).

Proxecto Serea

Aquel proxecto que, ben polos seus contidos, ben pola súa presentación, logre transmitir dun xeito máis atractivo e didáctico algún elemento da cultura galega.

E-trasnada

Aquel proxecto que consiga sorprender por exceder o inimaxinable.

Para todos os participantes dalgún dos equipos premiados:

Un conxunto de material ocio-educativo, tecnolóxico e cultural composto por:

  • Uns auriculares sen fíos de diadema HQ.
  • Un xogo de mesa educativo de temática tecnolóxica.
  • Unha cámara fotográfica instantánea.

Para o equipo gañador global "Xigante Argalleiro"

Un conxunto de material ocio-educativo, tecnolóxico e cultural composto por:

  • Uns auriculares sen fíos de diadema HQ.
  • Un xogo de mesa educativo de temática tecnolóxica.
  • Unha cámara fotográfica instantánea.
  • Un cheque por valor de 300 euros para destinar á compra de bens ou servizos culturais, tecnolóxicos ou educativos.

Precisades inspiración?

Aquí podedes descargar algúns proxectos base dos que poderedes partir para convertivos en auténticos argalleiros.

Podedes usalos como base, e dicir, comezar por eles e darlle o voso propio toque imaxinativo, transformalos ou adaptalos á vosa idea. Ou podedes idear algo totalmente diferente.